Esther Corral Díaz (coord.), Guía para o estudo da lírica profana galego-portuguesa, Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010.
ISBN 978-84-453-4937-3, 182 pp.
O Centro Ramón Piñeiro puxo a andar un proxecto sobre lírica galego-portuguesa aló polo ano 1994. O obxectivo principal era ofrecer á comunidade científica un instrumento en rede que facilitase a investigación sobre esta erudición literaria; para logralo, establecéronse varias fases que desembocaron, primeiro, na publicación en 1996 de dous volumes que recollen o corpus completo dos trobadores e, logo, en 1998, na primeira base de datos (MedDB) que compilaba eses textos e permitía facer buscas variadas neles.
Pero iso só foi o arranque de novos estudos que deron lugar á publicación de edicións, monografías e artigos, a unha nova versión (en 2008) da MedDB, á posta en rede doutra ferramenta complementaria –unha base de datos bibliográfica (BiRMED)–, e, sobre todo, ao convencemento de que, ademais de atender as necesidades dos especialistas, había que difundir e dar a coñecer a un público moito máis amplo un patrimonio de primeira orde e plenamente integrado no ámbito cultural da Europa medieval.
ÍNDICE. Limiar – I. A cantiga – II. Os cancioneiros e a transmisión manuscrita – III. Os trobadores – IV. Os xéneros líricos – V. Estrutura formal da cantiga – Apéndice: Guías de uso das bases de datos MedDB 2.0 e BiRMED do Arquivo Galicia Medieval desenvolvido no CIRP – Bibliografía.
Por tal motivo, o equipo de investigación deste proxecto foi consciente, desde o primeiro momento, da conveniencia de proporcionar a usuarios menos familiarizados co obxecto de estudo unha pautas que faciliten o seu coñecemento e disfrute. Pensouse, de maneira especial, nos profesores de Ensinanza Secundaria e nos estudantes universitarios que puideran ter dúbidas sobre a forma de medir os versos ou de explicar os recursos formais utilizados polos trobadores.